viernes, 5 de febrero de 2010

Moitas grazas!


Sólo podo decir... moitas grazas! moitas grazas pola boa resposta a este concerto, a todos os que colaborastes e aos que participastes.

A Escola Municipal de Música de Monterroso recadou 501€ para Haití, axuda que xa foi ingresada na conta que abríu o Concello de Monterroso na Caixa Galicia, sumandose á axuda de todos os monterrosinos para esta causa e que será enviada a Médicos Sen Fronteiras.

Noraboa a todos os alumnos polo concerto, foi xenial! Seguide así traballando, como ata agora, sendo responsables e comprometidos co que facedes e facendo que a música vaia entrando nas vosas vidas para quedarse.

miércoles, 3 de febrero de 2010

Concerto para a Paz e a Solidaridade


CONCERTO PARA A PAZ E A SOLIDARIDADE

Día: XOVES, 4 DE FEBREIRO

Hora: ás 20 horas (8 da tarde)

Lugar: Salón de Actos do Centro Sociocultural de Monterroso

Como sabedes, o día 30 de xaneiro foi o Día Internacional da Paz e, con ese motivo, a Escola Municipal de Música de Monterroso organiza este concerto que terá como lema a paz e a solidaridade. Pretendemos recadar fondos para Haití, que ademais de ser un país asolado pola catástrofe, é un dos países máis pobres do mundo e agora mesmo vive en tensión pola falta de víveres, producíndose conflitos e matanzas no que queda das súas rúas. Recordaremos a países que sufriron e sofren continuas guerras e a aqueles nenos que conviven a diario con explosións que lles poden causar a morte, algo que para eles xa non é extraño.

A música non entende de raza, color ou condición; a música é a linguaxe universal; a música é a voz da esperanza e fai que ata nos momentos máis difíciles esbocemos un sorriso; a música é arte; a música é unha forma de expresarnos; a música é paz, igualdade e solidaridade, os piares para construír un mundo mellor, os valores que intentamos transmitir aos nosos alumnos.

Con este concerto, queremos mandar unha mensaxe de esperanza a todos aqueles países que están sufrindo un conflito bélico, a todas as persoas do mundo que fan fronte á máis mísera pobreza, a todas as persoas do mundo que o perderon todo, como os cidadáns de Haití.

Hai uns días, entre escombros, ruínas, mortes e miseria, vimos unhas imaxes duns nenos que foron recollidos nun campamento improvisado, porque perderon a súa familia; rodeados daquel inferno, unha cooperante púxose a cantar con eles, enseguida lle seguiron e cantaron e bailaron intentando esquecer o sucedido. Seguía a tristeza nos seus ollos, pero á vez que cantaban e se movían, deixaban aparcada por un instante a soidade, era o seu berro de esperanza. A música fixo que eses nenos puideran vivir un momento cheo de ledicia, dentro da máis triste amargura.

Engadiremos o recadado nestes días á conta que abriu o Concello de Monterroso para esta causa, colaboración que se enviará a Médicos Sen Fronteiras e coa que seguro axudaremos a levantar a Haití. Moitísimas grazas pola axuda, estou segura de que coa nosa aportación salvaranse moitas vidas e farémoslles a vida un pouquiño máis agradable.

Dende aquí, mandámoslles toda a nosa forza para saír adiante, aos haitianos e a moitos outros cidadáns do mundo que non pasan por un bo momento.